CRTVG

Buscar

Alalá

Habaneras

09/06/2009 22:05 h

As habaneras son un dos xéneros musicais que máis se seguen cantando nas xuntanzas de amigos en calquera taberna galega. E a pesar de que naceron en Cuba, hoxe son moitas as habaneras en galego. Para chegar a isto deuse un longo e complexo proceso que neste Alalá entenderemos mellor grazas a unha das máis prestixiosas musicólogas cubanas, María Teresa Linares.

Da súa man coñeceremos a maneira na que xurdiron estas cancións e porqué chegaron a facerse máis populares en España que na mesma Cuba. Ata o punto de que a habanera máis coñecida internacionalmente, La Paloma, escribiuna un español: Sebastián Iradier.

Os portos de mar foron a gran vía de entrada das habaneras, porque alí chegaban os barcos que mantiñan relacións comerciais coa Habana. Alí era onde os mariñeiros, que as aprendían en Cuba e tiñan tempo para memorizalas nas longas travesías cruzando o Atlántico, se xuntaban nas tabernas e cantaban aquelas melodías novas chegadas da outra beira do mar.

O mesmo que os emigrantes, que recreaban nesas cancións toda a nostalxia que sentían ao lembrar o tempo vivido en Cuba. Por iso nas vilas mariñeiras é onde máis se desenvolveron as habaneras. No litoral de Cataluña, de Valencia, de Cádiz, de Euskadi, Cantabria, Asturias e, por suposto, Galicia.

Hai quen di que as habaneras provocan un vaivén semellante ó das ondas do mar.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: