Vivir aquí
Grelos, que ricos!
Ademais dos disfraces ou das filloas, os grelos tamén se poden considerar imprescindibles no Entroido galego, tanto no tradicional cocido coma no lacón con grelos. Pero esta verdura é fundamental na gastronomía galega durante todo o ano, ben sexa nos pratos máis tradicionais ou en innovacións culinarias. “Vivir Aquí” visita as zonas con maior sona e tradición no seu cultivo.
No concello lucense de Abadín, o cultivo de grelos é case unha arte. En Ordes vemos as greleiras na estrada e coñecemos o seu proceso de recollida para enviar a unha conserveira. No Val de Xestoso, en Monfero, aprendemos a mellor forma de cociñar o lacón con grelos. “Vivir Aquí” afonda, ademais, nas novas receitas que se están a desenvolver na cociña de vangarda con esta verdura, coa que tamén se pode fabricar cervexa.