CRTVG

Buscar

Grandes lugares

Capítulo 1. Bares e As Ermitas

18/01/2012 23:00 h

     Para dar a coñecer pequenos lugares de Galicia que son “Grandes lugares” porque agochan historias e tesouros de cada día, grazas á súa xente, costumes, iniciativas e usos sociais, a TVG estrea esta noite o docusoap “Grandes Lugares”, un programa de entretemento de 50 minutos, que pretende amosar, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de dúas poboacións galegas con moito para contar. Hoxe serán Bares e As Ermitas.

    A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas iniciativas orixinais, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais. Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

     No novo programa, que é un retrato diferente do mundo rural, feito tanto para os que viven nel coma para os que non, aparecerán persoas optimistas e cheas de vitalidade que viven felices na súa contorna, uns os que nunca saíron dos seus lugares; outros emigrados que volveron e os que estaban de paso, pero todos teñen en común que non cambiarían por nada do mundo o lugar onde viven.

    Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación coa contorna; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente.

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: