CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Germán Díaz / Aries / Nani García Trío / Marianne Faithfull

17/09/2014 21:00 h

A actualidade musical galega asómase este mércores ao programa “ZigZag Diario”, que recibirá a visita do músico valisoletano, residente en Galicia, Germán Díaz, quen hoxe presenta no Teatro Principal de Santiago “Método cardiofónico”, un espectáculo baseado nos ritmos que marcan os latexos do corazón que o doutor Iriarte gravou nos anos 40 e editou en vinilo. A partir de aquí, Díaz crea un universo sonoro único cos instrumentos mecánicos que utiliza, entre eles a zanfona.

O espazo da tvG2 tamén se achegará á nova proposta de Aries, o último proxecto musical de Isabel Fernández Reviriego. Seguindo a estela do seu debut, neste segundo traballo, titulado “Mermelada dorada”, presenta un disco de pop con patente influencia psicodélica.

Ademais, os espectadores de “ZigZag Diario” poderán coñecer o segundo traballo musical de Nani García Trío. “Serendipia” é unha proposta orgánica baseada nas súas propias composicións, o que lle confire ao trío un son moi especial, orixinal e contundente, confirmando así as expectativas postas nesta formación desde a súa primeira entrega.

Finalmente, na sección “Fondos Reservados”, o programa presentado por Pilar G. Rego achegarase á figura da cantante, compositora e actriz británica Marianne Faithfull, que o 29 de setembro sacará ao mercado o seu novo disco, “Give my love to London”.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: