CRTVG

Buscar

Especial

Gala do 25 de xullo 2018

25/07/2018 22:00 h

A TVG celebra o Día de Galicia coa tradicional “Gala do 25 de xullo”, que nesta ocasión ten un forte acento feminino e está dedicada á “matria galega”.
Presentada por Xosé Ramón Gayoso, Nieves Rodríguez e Lucía Regueiro, a gala ofrece as actuacións da gaiteira galega Cristina Pato, gañadora dun Grammy; a cantautora SES, que está a presentar o seu disco “Readmirando a condición”; a cantante, violonchelista e compositora monfortina Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego; Lucía Pérez, que celebra 15 anos no mundo da música co novo álbum “Quince soles”, e Guadi Galego, posuidora dunha traxectoria musical moi rica e intensa.
Xunto a elas, unha histórica da “movida” viguesa, Silvia Superstar, e unha cara moi coñecida para os espectadores da TVG como é a actriz, cantante e humorista Eva Iglesias. O programa especial deste 25 de xullo contatamén coa presenza da artista arzuá MJ Pérez, que, despois de dous álbums ao vivo, debuta no estudio co disco “Casandra”, un xiro na súa carreira, cunha maior variedade de ritmos e estilos e con toques latinos. 
Tamén pasan polo escenario formacións musicais galegas integradas por mulleres, como é o caso das cantareiras de Malvela; de Leilía, popular grupo galego de seis voces femininas que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta; do coro tradicional Abeleiras; de Xestreu, un grupo de mulleres que coas súas voces fan un percorrido polos ritmos tradicionais, mergullándose nos cantos dos pobos; do grupo de nenas pandeireteiras Lucerniñas e da banda Sisters in the House, formada por 20 rapazas galegas que decidiron unir as súas voces para ofrecer un espectáculo tan único coma innovador, cun repertorio composto por clásicos da música negra e tamén temas populares galegos “arranxados” desde unha visión máis actual.
Entre actuación e a actuación, a gala visibiliza o labor de mulleres galegas representativas nos máis variados ámbitos, coma a ciencia, a literatura, a moda, o cine, a cociña ou o deporte. Así, ofrecen o seu testemuño, entre outras, a modelo e actriz Alba Galocha, as escritoras Fina Casalderrey, Ledicia Costas e Yolanda Castaño, a deseñadora Purificación García, a futbolista Vero Boquete, a oncóloga e investigadora Marisol Soengas, a chef Beatriz Sotelo, a actriz Nerea Barros, a neurocientífica Sonia Villapol, a enxeñeira informática Miriam Pena, a astrofísica da Nasa Begoña Vila, a campioa de España de squash Xisela Aranda e a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: