CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Gabriel Tizón / Ángela de la Cruz / Carmen Martín

17/03/2015 21:00 h

O espazo “ZigZag Diario” contará hoxe coa presenza do fotógrafo Gabriel Tizón, que ata o 20 de marzo relata na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, coa exposición “África, soños e mentiras”, a súa estadio en Guinea-Bissau. A mostra forma parte do proxecto “Causas Comunes”, que nace co obxectivo de informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego coma ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos en África e en Europa.

 

O programa cultural da tvG2 tamén visitará este martes, na Fundación Luís Seoane, a exposición “Escombros”, de Ángela de la Cruz, a artista galega de maior recoñecemento internacional da súa xeración. A súa primeira mostra individual na Coruña, a súa cidade natal, está inspirada nos entullos producidos polos homes e devoltos polo mar ás costas, e con ela afonda nas relacións entre pintura e escultura.

 

Ademais, “ZigZag Diario” entrará no estudio da pintora ferrolá Carmen Martín, unha das artistas plásticas galegas máis prolíficas e polifacéticas da actualidade. A súa extensa obra pictórica trata de todos os temas posibles, desde a natureza morta ao nu, pasando pola paisaxe e o retrato.

 

 

Atopar capítulo por: