CRTVG

Buscar

Alalá

Fuxan os ventos

17/11/2009 22:05 h

Fuxan os Ventos é un dos grupos con máis repercusión na historia da música galega que se enmarca no eido da canción protesta dos últimos anos da dictadura Franquista e os primeiros da democracia.

Con 8 discos e centos de actuacións por todo Galicia, por España e ata por Europa, Fuxan os Ventos fixo que moitas das súas cancións como a Sementeira, a Carolina ou O Carro, formaran parte do ouvido musical galego dende hai xa máis de trinta anos.

Os rapaces de Fuxan, comezaron en Lugo con apenas 16 anos cantando no coro dunha igrexa, pero rápido gañaron os primeiros festivais aos que se presentaron, e a principios dos 80, chegaron a ser número un de venda en discos na Philips a nivel de toda España. Iso non os fixo renunciar aos seus principios e rexeitaron de pleno cantar en castelán, co que renunciaron a moitos beneficios por royalties coa discográfica.

O éxito de Fuxan os Ventos foi o berro dunha Galicia que acababa de entrar na democracia e que reclamaba autonomía e identidade. Incluso nos momentos de máis éxito, tanto lles deu participar en recitais por Europa, como cantar nunha aldea enriba do remolque dun tractor. O seu selo sempre foi o da humildade, o orgullo e a paixón por unha terra e unha lingua á que nunca renunciaron, algo polo que a historia de Galicia, sempre lles estará agradecida.

No ano 89, Fuxan os Ventos, decidiu parar co ritmo vertixinoso de actuacións e concertos, pero no 2008 organizaron un concerto no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, no que gravaron o seu último disco ata o momento, Terra de Soños.

Despois de preto de corenta anos de historia e case vinte sen actuar en directo, Fuxan os Ventos volvían aos escenarios, e tanto tempo despois, falar con eles é falar cos corazóns de milleiros de galegos que cantaron as súas cancións e viviron intensamente a súa música.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: