CRTVG

Buscar

Fogos do Apóstolo

Fogos do Apóstolo 2016

24/07/2016 22:00 h

O especial “Fogos do Apóstolo 2016” é unha emisión en directo desde a praza do Obradoiro, presentada por Cristina García e Fernando Madriñán. Inclúe conexións con distintos puntos de Compostela, como o Hostal dos Reis Católicos, onde se celebra a tradicional cea dos Fogos, ou a propia praza do Obradoiro, para falar cos asistentes que agardan o comezo do espectáculo pirotécnico. 

A TVG recolle a emoción dos peregrinos que rematan o Camiño na súa chegada á praza do Obradoiro  e descobre o que levan nas maletas cando volven aos seus lugares de orixe. Tamén amosa aos espectadores o Pórtico da Gloria con todo luxo de detalle. As cámaras da Televisión de Galicia tamén atravesan a Porta Santa, excepcionalmente aberta este ano por ser Xubileo da Misericordia. Así mesmo, entran no museo da Catedral, na cociña do Hostal dos Reis Católicos e na suit real, que conta cunha decoración especial por mor da festividade do Apóstolo. 

No apartado musical, a canle pública emite en primicia unha versión moi especial de “A Santiago vou”, de Los Tamara, feita por De Vacas, e unha reportaxe sobre a rodaxe da nova produción que prepara a canle pública “O final do camiño”, ficción sobre a peregrinación a Compostela. 

Fogos do Apóstolo 2016 inclúen o lanzamento de 24.000 artefactos – a meirande explosión de lumes ata a data-, actuacións teatrais e unha proxección audiovisual en 360º, consistente nun videomaping. O espectáculo conta con catro bloques temáticos e durará preto de media hora, con dez minutos íntegros de pirotecnia. O primeiro apartado temático trata sobre as orixes de Santiago de Compostela; o segundo, é unha alegoría do Apóstolo; o terceiro, un paseo astral pola cidade que acolle a Catedral, e, o último, un repaso ás personalidades ilustres de Compostela. 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: