CRTVG

Buscar

Alalá

Fía na Roca

20/10/2009 22:05 h

Fía na Roca é un dos grupos veteranos do folk galego. Levan máis de 15 anos mesturando a música tradicional cuns chisquiños de rock, de jazz, de música étnica e de todo tipo de ritmos para acadar un son propio, diferente e inconfundible. E para celebrar que levan todo este tempo facendo a música que lles gusta e pasándoo de medo con iso, fixeron un dvd que chamaron “Quince maios” e que inclúe entrevistas con eles e a gravación en directo dun concerto no Teatro Principal de Santiago, no que quixeron amosar o que é hoxe Fía na Roca.

Desde que se presentaran ao público no Festival Folk Cidade Vella de Compostela no ano 1993, o grupo foi cambiando e o panorama musical galego tamén. Cando eles comezaron non eran moitos os grupos que se dedicaban a facer folk. Hoxe a cousa é diferente. Pero eles intentaron sempre non deixarse levar polos vaivéns do mercado e seguir fieis ás súas ideas. Algo que conseguiron mantendo traballos aparte do grupo e autoproducindo os seus propios discos.

Polo camiño marcharon uns músicos e viñeron outros e pasaron de facer música basicamente instrumental a incluir a voz de Sonia Lebedynski. Xunto a ela, Xosé Ramón Vázquez, un dos fundadores do grupo, Carlos Castro, Roberto Santamarina, Giao Rodrigues, Xabier Olite e Roberto Rama forman este novo e sempre sorprendente Fía na Roca.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: