CRTVG

Buscar

Especial

Festas de Sanxenxo

04/09/2015 22:00 h

Desde o porto deportivo de Sanxenxo, Lucía Rodríguez irá introducindo a audiencia na vida da vila. O programa comezará cunha conexión en directo coa procesión nocturna, en que os fieis recollen a virxe na casa da camareira para levala á igrexa.

O espazo da TVG tamén dará conta do que aconteceu este venres pola mañá na XXXIII Feira da Cebola. O equipo do programa verá todo o ambiente que se vive na explanada do porto deportivo, deambulará entre os postos de cebolas ateigados de visitantes e compradores e verá tamén a entrega dos premios cos que se recoñece o traballo dos que realizan as grandes esculturas a base de cebolas.

O seu microclima único e as súas espectaculares praias non son os únicos alicientes cos que conta o concello de Sanxenxo, xa que son numerosas as xoias arquitectónicas, restos históricos, construcións relixiosas e paraxes naturais que merecen a atención do visitante. Todos estes atractivos fan que Sanxenxo sexa un dos destinos máis cobizados polos turistas, que este ano triplicaron a poboación da vila.

Os reporteiros falarán con algúns deles para saber de onde veñen e canto tempo pasan na vila, pero tamén recabarán o testemuño dos habitantes do lugar, que explicarán como se vive o verán nun lugar que recibe milleiros de turistas e que fan durante o inverno.

Finalmente, o espazo presentado por Lucía Rodríguez achegarase á faceta máis tradicional é á máis deportiva de Sanxenxo. De sempre, foi unha vila mariñeira, antigamente máis orientada ás mareas, cando os mariñeiros saían faenar, e na actualidade como centro náutico de recreo e importante porto deportivo.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: