CRTVG

Buscar

Especial

Festa dos Milagres

08/09/2016 22:00 h

Cada 8 de setembro, múltiples localidades e vilas galegas celebran, con gran devoción, as festas en honor á Virxe dos Milagres. Neste especial, coñecemos polo miúdo como se vive esta xornada, con atención á vertente relixiosa, á parte festiva inherente a toda celebración en Galicia e ao aspecto divulgativo, explicando a tradición e os costumes de cada lugar.

Lucía Rodríguez condoce o programa desde a localidade ourensá de Baños de Molgas. A devoción por esta Virxe chega, ademais de a Galicia, a moitos lugares da Península Ibérica, coma León, Zamora, Asturias e Portugal. Mostra disto é que cada ano peregrinan ata alí entre 80.000 e 100.000 persoas. Estes peregrinos chegan cheos de fe para presentarlles os seus respectos á Virxe dos Milagres.

Outra das celebracións dos Milagres lévanos á parroquia de Amil, no concello pontevedrés de Moraña, onde asistimos á Festa da Baixada da Santa.

Tamén se venera con intensidade a Virxe dos Milagres en Caión, no concello coruñés da Laracha. Os fieis e devotos cóntanse alí por milleiros e todos eles se achegan neste día ata a ermida cheos de devoción para beber na súa fonte e pedir a intercesión da Virxe para así poder curar os seus males ou doenzas.

O programa vai a Pedrafita do Cebreiro para coñecer un dos milagres máis famosos na Europa medieval, que se produciu alá polo ano 1300 e que cada ano se festexa coa presenza de centos de romeiros procedentes de toda Galicia e tamén da veciña provincia de León.

Ademais das Festas dos Milagres, cada 8 de setembro celébranse en Galicia outras romarías multitudinarias, ás que tamén lles presta atención o espazo da TVG. Unha delas é a Virxe dos Remedios de Castro Caldelas. Ademais da misa solemne e a tradicional procesión, teñen nesta vila ourensá unha celebración ben curiosa, a da “Noite das Bandeiriñas”, en que todos os veciños da vila se reúnen para colgar as bandeiras nas rúas e, xa de paso, brindar con licor café e bica, dous dos produtos máis tradicionais de Ourense.

Este especial tamén se traslada á Romaría de Santo André de Teixido, no día principal de peregrinación para os milleiros de fieis e devotos que chegan ata este santuario, situado ao pé dos famosos cantís do arco ártabro; e á da Virxe da Franqueira, na Cañiza, cuxa ermida se enche este día de devotos que, ademais de escoitar misa, asisten á procesión en que a Virxe vai sobre un carro tirado por bois.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: