CRTVG

Buscar

Especial

Eu quero milagres

08/09/2021 22:30 h

"Eu quero Milagres", un programa especial no que as distintas celebracións dedicadas á Virxe dos Milagres chegarán aos fogares de todos os espectadores. Deste xeito "Eu quero Milagres" propón unha intensa viaxe pola devoción e pola paixón de milleiros de galegos, pero tamén pola festa rachada que acompaña estes días.

As reporteiras do programa Adela Bértolo, María Rial, e Laura Vaqueiro serán as encargadas de achegar á audiencia estes sentimentos a flor de pel. Para comezar estarán no fermoso santuario da Virxe dos Milagres de Baños de Molgas, na provincia de Ourense. Ata alí acoden cada ano centos de devotos que veñen cargados de esperanza.

Nesta ocasión o programa asistirá á espectacular procesión das candeas. A continuación as reporteiras viaxarán ao concello da Cañiza, en Pontevedra, para participar na romaría da Virxe da Franqueira. As danzas tradicionais e a clásica loita do mouro e o cristián son os puntos fortes dunha xornada chea de emocións. As cámaras do programa deste mércores á noite afondarán na curiosa historia da Virxe da Franqueira da man do reitor do santuario.

Pero tamén terán tempo para probar un dos tesouros da Cañiza; o seu delicioso xamón! O percorrido de "Eu quero Milagres" continuará no concello de Moraña, na parroquia de Amil, lugar onde celebran a emotiva baixada da Santa. Alí chegan a diario unha morea de peregrinos que traen peticións para unha Virxe que, segundo din, é ben milagreira. O programa tamén estará no concello da Laracha para acompañar a todos os devotos da Virxe dos Milagres de Caión.

Neste fermoso punto hai un espectacular santuario ao pé do mar no que conflúen cada ano ducias de historias de paixón e superación. Pero como non todo vai ser devoción, as reporteiras de "Eu quero Milagres" visitarán as festas de Sanxenxo para gozar da feira da cebola, e da música das bandas nunha xornada de sol, praia e troula a esgalla. Pola súa banda na cidade de Vigo celebran unha edición máis da "Festa da Cultura".

Nesta ocasión a música tradicional de máis de vinte grupos folclóricos soará polas rúas máis céntricas deste concello. E para que non falte de nada, "Eu quero Milagres" ofrecerá a actuación do grupo tradicional "Donicelas" do concello de Salceda de Caselas.

Atopar capítulo por: