CRTVG

Buscar

Especial

Eu quero troula II

25/08/2021 22:30 h

"Eu quero troula II" propón unha intensa viaxe cargada de música, boa comida, cancións, bailes e sorrisos. As reporteiras do programa Adela Bértolo, María Rial, e Laura Vaqueiro serán as encargadas de facer este percorrido tan "trouleiro".

Para comezar estarán na espectacular festa do Esquecemento de Xinzo de Limia. Neste concello ourensán os seus veciños retroceden no tempo para recrear unha peculiar e moi divertida invasión romana. A continuación as reporteiras viaxarán a Poio, e, máis concretamente, a belísima parroquia de Combarro, para pasalo en grande nas festas do mar. Alí haberá música tradicional, moito marisco e unha verbena inesquecible coa orquestra Marbella. As cámaras doprograma tamén estarán en Allariz, onde celebran un desfile de xigantes e cabezudos para homenaxear a empanada, un dos nosos emblemas gastronómicos.

O percorrido de "Eu quero troula II" fará parada en Doade, no concello de Lalín. Nunha nova edición da malla tradicional desta parroquia teremos a oportunidade de comprobar como traballaban os nosos antepasados... Pero tamén poderemos troulear coa foliada que teñen preparada. No programa tamén haberá tempo para visitar Soutelo de Montes, no concello de Forcarei, e vivir en primeira persoa a festa do gaiteiro de Soutelo. Trátase dunha emotiva e festexeira homenaxe a Avelino Cachafeiro, un mito da nosa cultura gaiteira. A troula é esgotadora e, deste xeito, as reporteiras repoñerán forzas cunhas ameixas do Carril cociñadas de distintas formas. E por se alguén queda con fame e gana de festa rachada, daremos boa conta de todo o ocorrido na festa da anguía e a mostra da caña do país de Valga. Para rematar como é debido un programa cheo de cor e sorrisos infinitos, "Eu quero troula II" ofrecerá a actuación do grupo tradicional "Lirolai" do concello do Rosal.

Atopar capítulo por: