CRTVG

Buscar

Aquí Portugal

Especial sem fronteiras desde Vigo

03/01/2015 15:30 h

As relacións entre Galicia e Portugal seguen estreitándose a través do medio televisivo. A RTP (Radio Televisão Portuguesa) e a Televisión de Galicia emiten hoxe en directo desde Vigo, a partir das 15.30 horas, a segunda edición do programa conxunto “Aquí Portugal”. A primeira experiencia deste tipo entre as televisións públicas de Portugal e Galicia tivo lugar o pasado mes de setembro e celebrouse na praza maior de Ourense. Este gran show televisivo e musical, aberto ao público, está dirixido a unha audiencia potencial de 13 millóns de persoas, xa que se emite a través das primeiras canles terrestres de ambos os dous países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

        Esta segunda edición de “Aquí Portugal” será presentada por Kiko Novoa e Arturo Fernández, por parte galega, e, como na ocasión anterior, Sónia Araújo, Jorge Gabriel e Hélder Reis serán os presentadores pola parte portuguesa. O espectáculo será emitido desde un set instalado no porto vigués, fronte ao centro comercial A Laxe.

         Situados nesta contorna, non podía faltar unha visita á fervorosa lonxa de Vigo á hora da subasta, cunha demostración do que debe levar unha boa mariscada da ría, e ao Real Club Náutico, espectacular canteira de deportistas de mar. Tamén se falará da cada vez maior cantidade de cruceiros que atracan na cidade olívica e do que isto supón para os comerciantes locais e da denominada “autoestrada do mar”, unha vía marítima directa desde Vigo ata o porto de Saint Nazaire, en Nantes. Ademais, os presentadores de “Aquí Portugal” conversarán co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, que falará do presente e futuro do principal motor económico da cidade.

        Outro dos temas destacados do programa desta tarde será a enoloxía. A Denominación de Orixe Rías Baixas inclúe os viños brancos máis prezados de España: os da uva albariño. “Aquí Portugal” convidou ao seu set a dous viticultores de renome: Santiago Roma, que ten unha adega familiar; e Víctor Cortizo, representante de Mar de Frades, unha das adegas máis vangardistas desta Denominación de Orixe.

         O espazo conxunto entre a TVG e a RTP tamén contará coa presenza de Patricia Avendaño, a deseñadora viguesa con máis renome internacional, que ofrecerá un desfile dos seus vestidos de noiva e de festa, caracterizados por combinar a elegancia e sinxeleza ao mesmo tempo; e de Carmen Salinero, toda unha especialista no mundo da camelia, unha flor invernal que agora mesmo está no punto máis álxido da súa floración.

          Por outro lado, e pensando especialmente nos turistas que visitan Vigo, “Aquí Portugal”  fará recomendacións sobre onde comer, onde comprar e onde durmir na cidade olívica e subirá ao Monte do Castro, o punto de orixe da urbe, que conta coas mellores vistas sobre a ría. O programa falará tamén da arquitectura de Vigo, onde se poden observar edificios históricos de todos os estilos, que dan conta do pasado industrial e burgués da cidade. O delegado da Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos de Galicia en Vigo, Xosé L. Varela Alén, faralles aos espectadores unha visita guiada por algunhas destas xoias arquitectónicas.

                  Pero non toda a atención estará centrada en Vigo, xa que o programa visitará tamén os lugares máis emblemáticos dos arredores, con parada nas Illas Cíes, o parque natural que conta coa mellor praia do mundo para “The Guardian”; Baiona, unha vila con moita historia, onde desembarcou a carabela Pinta tras o descubrimento de América; e a praia de Samil, o areal máis próximo á cidade, punto de encontro para todos os vigueses cando chega o bo tempo e tamén no inverno, xa que alí se sitúa a pista de xeo. Ademais, os reporteiros de “Aquí Galicia” realizarán unha viaxe en tren desde a localidade portuguesa de Viana do Castelo ata Vigo.

         Todos estes contidos estarán salferidos con moita música, procedente de ambos os dous lados da raia. Por parte galega, actuarán as/os artistas Pili Pampín, unha das voces galegas máis coñecidas; Lucía Pérez, a cantante galega máis internacional; Tania Fuegho, cuxas actuacións son todo paixón grazas á súa poderosa voz; Fran Alló, outros dos novos valores da lírica galega; e Vizcaíno; e os grupos Alma Latina, sexteto musical radicado en Burela, e Sin Límite. Do país veciño chegarán Mauro e Grupo Afit do-Majó, Micaela, Marco Génio, Kisskiss & Bangbang, Sons do Minho e José Martins, entre outros.

Atopar capítulo por: