CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Espasante (Ortigueira)

06/12/2014 16:30 h

Un sábado máis, o programa “Aquí Galicia” ofrecerá dúas horas de emisión en directo desde unha carpa cun gran escenario, música, público, cociña, entrevistas e reportaxes do atractivo turístico da zona visitada cada semana, que nesta ocasión será a parroquia de Espasante, en Ortigueira.

  O espazo da TVG achégase á costa norte da provincia da Coruña para asistir á 1ª Festa do Nadal, onde será posible adiantar as compras para as datas que se aproximan e pasar un bo rato de ocio con toda a familia. Poderanse mercar adornos e árbores de Nadal, doces típicos desta época, viños ou licores, pero tamén artesanía, produtos ecolóxicos, libros e outros moitos artigos de agasallo. 

O estómago tamén agradecerá a visita a Espasante, xa que, coincidindo coa feira, celebrarase a primeira edición da Festa Gastronómica do Bacallau, onde os asistentes poderán degustar, a prezos económicos, este exquisito produto, tan típico do Nadal.

Ante a proximidade das festas, “Aquí Galicia” contará esta tarde coa presenza dun convidado moi especial: Papá Noel, que lles fará entrega de caramelos aos máis pequenos, ademais de recoller as súa peticións para os agasallos de Nadal. O programa presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez tamén recibirá a visita de Julio Rey, que falará das árbores de Nadal e das flores de Pascua; e dos membros da Comisión das Festas de Santo Antonio, que traerán o porco que sortean. Ademais, conectarase en directo coa Folidada da Escola de Gaitas de Ortigueira, que se celebra este sábado no centro da vila.

A música non podía faltar hoxe no programa, que ofrecerá as actuacións de Dj Federato e Lorena Ferro, ex-recanteira de “Luar”, do grupo La Ricura, da orquestra Filadelfia, do grupo de baile Gamelas e Anduriñas, da Banda de Gaitas de Ladrido e dos grupos de cantos de taberna Os Revirados, Os Suplentes e Vaidebaranda.

Por outro lado, “Aquí Galicia” ofrécelles aos seus espectadores a posibilidade de felicitar a quen queiran polo motivo que desexen. A través do enlace www.setemedia.com/aquigalicia, o público pode enviar fotografías coas súas correspondentes dedicatorias. O programa ten xa mensaxes cegadas desde diversas localidades de Galicia, Murcia, Cataluña, Suíza e A Arxentina, entre outros lugares.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: