CRTVG

Buscar

Eirado

Entrevista co escritor Agustín Fernández Paz

02/12/2012 23:30 h

O programa “Eirado” ofrece unha entrevista co escritor Agustín Fernández Paz, que fala  da súa nova obra, “O rostro que deixamos”, onde reúne por primeira vez traballos dados a coñecer en diferentes medios e contextos ao longo do tempo, así como outros que permanecían inéditos. Neles, o autor aborda un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos de memoria agrupados en dúas liñas esenciais: a memoria da infancia e o oficio da escrita.

    Precisamente, unha das novelas de Fernández Paz, “Cartas de inverno”, serviu de inspiración a Antonio Seijas para publicar a súa segunda novela gráfica. Pemón Bouzas fala co ilustrador, que, despois do éxito de “Un hombre feliz”, volve á banda deseñada para atrapar con trazos tanxibles o clima e a alma dos personaxes deste clásico da narrativa galega contemporánea.

    O espazo da tvG2 tamén recibe a visita do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, que comentará algunhas das claves do éxito dunha editorial que desde os inicios se distinguiu pola edición de álbums ilustrados da mellor calidade estética e literaria e que acaba de recibir o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial de 2012, outorgado polo Ministerio de Cultura en recoñecemento ao seu compromiso coa literatura infantil.

    Por outro lado, o programa achégase á Regadeira de Adela, un novo espazo dedicado á microarte que acaba de iniciar a súa andaina en Compostela e que acollerá espectáculos de teatro, danza, música, circo, performance ou improvisación; e ao novo cómic do debuxante Manuel Cráneo, “A Torre dos Mouros”.

    Ademais, “Eirado” coñece o proceso creativo do pintor ourensán Baldomero Moreiras, falará da estrea da película “Invasor” e contará coa actuación en vivo do dúo Comisa Bal, que practica música instrumental de baile en pequeno formato.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: