Eirado
Programa 100 de Eirado: entrevistas máis representativas
O programa cultural “Eirado”, unha aposta que a Televisión de Galicia puña en marcha en outubro de 2009 co obxectivo de funcionar como punto de encontro de artistas de todas as disciplinas, alcanza esta noite a súa edición número 100, un fito que celebrará recuperando algunhas das entrevistas máis representativas que se ofreceron ao longo das tres tempadas que leva en antena.
Así, os espectadores poderán lembrar as conversas que o presentador de “Eirado”, Pemón Bouzas, mantivo cun dos grandes da pintura en Galicia, o artista lalinense Antón Lamazares; co arquitecto César Portela; co historiador Fernando López Alsina; coas profesoras de Historia da Universidade de Santiago Ofelia Rey Castelao e Mar Llinares; cos escritores Xosé Neira Vilas e Manuel Rivas; coa pintora Menchu Lamas, unha das artistas galegas de máis proxección internacional durante as últimas décadas; coa catedrática de Literatura da USC Dolores Vilavedra; e coa debuxante de historietas arousá Emma Ríos, a primeira española en Marvel.
Durante os 100 programas que leva emitidos, “Eirado” deulles cabida a todas as manifestacións culturais, desde as artes plásticas, a literatura ou a arquitectura, ata o cine, o espectáculo, a música ou as novas tecnoloxías. Deste xeito, centos de artistas, creadores, investigadores ou intelectuais galegos tiveron a oportunidade de amosar os seus traballos e achegas aos espectadores.