CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Día de Rosalía en Padrón

24/02/2018 16:30 h

No día en que fai 181 anos do nacemento de Rosalía de Castro, “Aquí Galicia” trasládase a Padrón,  terra de adopción da autora. O programa lévanos aos lugares máis representativos na vida da escritora, comezando en Santiago de Compostela, lugar de nacemento de Rosalía; Ortoño, onde pasou parte da súa infancia; Bastavales, parroquia que a acolleu na adolescencia e que tanto loou nos seus poemas; o pazo de Arretén, a casa dos seus avós maternos, e o cemiterio de Iria Flavia, onde recibiu sepultura ata que os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres. Non pode faltar unha visita á Casa da Matanza para coñecer cada unha das estancias do lugar onde pasou os seus derradeiros anos e que se converteu nunha casa-museo.

No apartado gastronómico, o cociñeiro Juan Crujeiras súmase desde A Coruña á iniciativa de elaborar caldo de gloria para conmemorar o nacemento de Rosalía. “Aquí Galicia” lembra así a receita que aparece no poema “Miña casiña, meu lar”, de “Follas Novas”, en que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir preparando un humilde caldo e un bolo do pote. O programa tamén conta cun menú Estrela Michelín, xa que Crujeiras presenta unha proposta de cociña contemporánea, de vangarda, de produto de temporada e creativa.

En plena campaña da lamprea, os reporteiros de “Aquí Galicia” non poden perder a oportunidade de meterse de cheo no río para coñecer de primeira man como se pesca. 

Todas estas propostas van aderezadas coa música da cantante Tania Veiras, da orquestra Charleston, da Banda de Música Municipal de Padrón, da A.C. Rosalía de Castro, da banda de gaitas e do grupo de baile da Asociación Folclórica e Cultural O Pedrón e do coro Son Elas.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: