CRTVG

Buscar

Especial Informativo

Debate na Radio Galega entre Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino

22/10/2018 10:25 h

Os candidatos ás primarias de Podemos Galicia confrontan ideas e proxectos na Radio Galega a tres días de que os inscritos escollan a nova dirección. Antón Gómez-Reino e Carolina Bescansa aspiran a liderar un partido forte que permita desaloxar ó PP das institucións nas próximas citas electorais. Malia as diferenzas evidenciadas durante a campaña, ámbolos insisten na necesidade de remar na mesma dirección a partir do día 25.

Propiciar o cambio político en Galicia e aumenta-la representatividade en Bruxelas nas vindeiras eleccións do vindeiro 26 de maio. É o reto que se marcan Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino, os dous aspirantes a facerse coa dirección de Podemos Galicia a partir deste xoves, 25 de outubro.

Quen saia escollido do proceso de primarias terá que decidir con que apoios e baixo que marca electoral concorrerán ós comicios. Ámbolos insisten en que a última palabra tena os inscritos pero esta mañá na Radio Galega ían fixando posicións.

Tanto Carolina Bescansa como Gómez-Reino coinciden na necesidade de mellora-las condicións de vida dos cidadáns e cambia-lo modelo produtivo de Galicia para facelo máis ambicioso e competitivo. Cren que o debate territorial se debe afrontar dende o diálogo.

No debate, cruce de reproches entre os dous aspirantes sobre as esixencias marcadas dende a dirección do partido en Madrid para participar nestas primarias. Onde un ve transparencia, outra ve interferencia.

Tanto Bescansa como Gómez-Reino aseguran estar dispostos a integrar no seu proxecto á lista perdedora. Porque, máis aló das diferenzas e os matices, ámbolos insisten en que en Podemos non sobra ninguén e en que tódalas mans son precisas para desaloxar ó PP do poder.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: