Vivir aquí
De tascas
16/11/2013 15:30 h
“Vivir aquí” propón unha ruta por algunhas das tascas tradicionais que quedan en Galicia. Os reporteiros viaxan a Vigo, Guitiriz ou A Coruña para falar cos taberneiros que seguen a ofrecer cuncas de viño a granel, acompañadas dunhas tapas de empanada, queixo, tortilla ou a especialidade da casa. Tamén intercambian impresións cos clientes que se atopan coma na casa nestes establecementos de aspecto rústico, ás veces con pezas que pasarían por obxectos de museo.
A fidelidade da clientela que ten a tasca como lugar da parada habitual antes da comida e da cea asegura a supervivencia destes locais, nos que se aposta polo tradicional fronte a un mundo no que mandan os cambios que dita o paso do tempo e das modas.