CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

De percebes e percebelleiros (Cedeira)

04/02/2018 15:45 h

As zonas “percebelleiras” de Cedeira son das máis complexas en que se traballa en Galicia. En San Antonio e Punta Candieira traballan en condicións extremas máis de 50 homes e mulleres, que viven con moita naturalidade os perigos do oficio porque levan no ADN un sentimento de paixón “percebelleira” (a forma dialectal coa que se denominan os percebeiros desta zona) que os fai moi especiais.

Serxo Cés é un dos “percebelleiros” máis singulares e ademais forma parte do grupo de música galega Os Cempés. Vive plenamente as dúas dimensións, xa que son ambas unha forma de entender a vida. Con Serxo traballa Ángeles Cribeiro, para quen ser “percebelleira” implica unha independencia na súa vida. O home de Ángeles, Antonio Díaz, xubilouse hai pouco, pero non pode afastarse do mar e sempre que pode acompaña a Serxo e a súa muller porque viviu con moita paixón o seu oficio.

Outro dos protagonistas do programa, Pepe Tojeiro, é o “percebelleiro” que leva máis anos en activo en Cedeira, con máis de 50 anos collendo percebes nas súas pedras.

Para saber algo máis de Cedeira, “Pescadores de Historias” visita a Eduardo González, un dos fundadores do Museo do Mar desta vila, que abriu as súas portas hai algo máis dun ano. Todas as súas pezas foron cedidas polas xentes do mar desta localidade, polo que detrás de cada unha hai unha verdadeira historia mariñeira.

X.H. Rivadulla Corcón acaba comendo percebes no restaurante Brisa, propiedade de Lois Iglesias, que loxicamente basea a súa carta nos produtos do mar de Cedeira.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: