CRTVG

Buscar

Alalá

Darío Díaz

17/11/2008 22:05 h

Este Alalá ten unha mestura de sentimentos: o de felicidade e unha profunda tristura. Felicidade por ter chegado a tempo de coñecer un gran gaiteiro, tenro e cheo de ilusión e entusiasmo e unha profunda tristura porque faleceu pouco despois da gravación do programa.

Ó comezo de outubro do 2008, o gaiteiro de Paíme deixounos para sempre e para todos os que facemos o programa, este capítulo é a nosa particular homenaxe a un músico que nos cativou o corazón. Pouco antes do seu pasamento viu o programa e, polo que nos contou a súa muller, a súa adorada Josefa, gustoulle moito e nós así volo ofrecemos.

Darío vivía coa súa muller en Paíme, en Ribeira de Piquín, un deses lugares ós que hai que ir sen présa, para admiralo e para descubrir como pasaba a vida o noso protagonista. Era moi tranquilo e humilde na súa maneira de ser. A música deste gran gaiteiro das montañas de Lugo foi a súa paixón, para el un mundo sen ela non sería tal e veremos como compaxinou o traballo diario, de agricultor, coa de luthier afeccionado xa que cando precisaba un recambio para a gaita era quen de facelo coas súas propias mans.

Nunca soñou con ser unha estrela, co éxito, pero este chegou e os que o coñecían admiraban o seu xeito de tocar. Darío non imaxinaba como sería a súa vida sen algo tan fundamental. Polos anos cincuenta formábase o cuarteto Airiños da Ribeira. Durante dez anos tocaron nunha chea de festas e tiveron moito éxito. O repertorio sacábano doutros gaiteiros, da radio, das bandas de música ou as de composición propia.

O peor momento para a música foi durante e despois da guerra. Darío recorda que os gaiteiros tiñan que sacar un permiso especial para tocar, un carné que os recoñecía como tal. Coa terriña e co gando sacaban para vivir xa que o xornal dunha gaita non chegaba para cinco que eran na casa. Outra parte importante do seu sustento proviña da sega de Castela á que Darío foi durante máis de vinte anos.

Así foi a súa vida! Un gaiteiro de ritmo fino, afinación precisa – así o caracteriza Pablo Carpintero que o coñecía moi ben, a nivel persoal e profesional- e un home bondadoso e bo. Gracias Darío por ofrecernos a túa memoria musical e por compartir con nós a fermosa historia da túa vida.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: