CRTVG

Buscar

Eirado

Cultura e Gastronomía

25/09/2010

"Eirado", o programa cultural dos sábados, regresa esta noite á tvG2 en horario de máximo consumo televisivo, coa vocación de seguir funcionando como un punto de encontro para os artistas galegos de todas as disciplinas. Baixo a dirección de Xosé L. Múñoz e con Pemón Bouzas outra vez como presentador, o espazo da segunda canle da Galega dedicará o programa cada sábado a unha temática cultural destacada.

Así, a gastronomía será a protagonista esta noite en "Eirado", que entrevistará o xornalista e escritor Xurxo Fernández, autor do libro "Caney", que viaxa ao longo da historia da cociña e enlaza gastronomía e arte. Fernández falará da súa filosofía culinaria e reflexionará sobre a relación da gastronomía coa cultura ao longo do tempo.

O espazo da tvG2 contará tamén coa presenza dun dos cociñeiros galegos de máis renome, Marcelo Tejedor, que dirixe un restaurante en Santiago, onde as delicias da cociña tradicional se fusionan coa creatividade do seu xefe de cociña e as últimas tendencias culinarias. O compostelán, que foi capaz de facer da súa cociña unha arte, falará da innovación neste terreo e tamén explicará as bases da tradición gastronómica galega.

Ademais, os espectadores coñecerán hoxe a colección curiosa duns irmáns de Carballo que posúen preto de 700 guías Michelín de todos os países onde se editou desde hai un século esta publicación, destinada a ser un referente para o viaxeiro pero que co paso do tempo se converteu nun referente mundial en gastronomía.

No tempo que habitualmente lle dedica "Eirado" ao cine, tamén se falará de gastronomía e da súa relación coa sétima arte. Os colaboradores Moncho Lemos e Ángel Suanzes comentarán a presenza en San Sebastián de Julia Roberts e Javier Bardem co filme "Come, reza, ama" e lembrarán unha película galega onde a cociña está moi presente, "18 comidas".

Nesta nova temporada, o "Eirado" contará cada semana con música en directo. O programa recibirá nesta ocasión a visita dunha das promesas do rap galego, Aid, unha novísima cantante viguesa que se está a confirmar como un dos diamantes en bruto máis importantes do hip hop nacional e que acaba de gañar o concurso de maquetas do Foro Myspace.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: