CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

Cultivo singular da ameixa (Carril)

24/06/2018 15:45 h

O porto do Carril é famoso pola súa boa ameixa, grazas a un sistema exclusivo, os parques de concesión, cunha tradición que se remonta moitos séculos atrás.
X.H. Rivadulla Corcón sae ao mar con Lolita García e o seu fillo Cristian Brea para coñecer o seu parque e o traballo que realizan nestas parcelas, coma as leiras en terra, onde cada propietario recolle a súa propia ameixa, sen que haxa cotas de recollida establecidas, senón que se regulan polo propio mercado, recollendo segundo vaian os prezos na lonxa.
O marisqueo tradicional e o sistema dos parques ten moito en común e hai quen traballa os dous sistemas, como Rita Vidal, Guadalupe Jueguen e Inma Otero, que explican as similitudes e diferenzas.
Pola súa parte, Ramón Trigo fala de como se traballaban os parques hai medio século, cando el xa facía ese labor, e o seu fillo, co mesmo nome, conta o que supón para el formar parte dunha tradición importante na familia, xa que é costume que os parques pasen de xeración en xeración. Outro dos protagonistas é Juan José Galván, que compaxina o traballo no parque de cultivo de ameixa coa batea.
“Pescadores de Historias” tamén se detén na parte gastronómica da ameixa, que permite unha morea de receitas, todas para a ledicia do padal: á prancha, con fabas, con polbo, con fideos, en allada, con patacas guisadas, etc. Imbuído na tradición, o equipo do programa xanta o prato máis tradicional: ameixas á mariñeira, que prepara José María Fresco no seu restaurante Loliña.

Atopar capítulo por: