CRTVG

Buscar

Alalá

Cuba (II)

05/06/2007 22:05 h

Seguimos en terras cubanas e falaremos das historias dos últimos galegos que emigraron e da conquista da aldea galega en Cuba. A comunidade galega na Illa foi tan numerosa que contaxiou e introduciu un xeito de vida e unha cultura. O que poucos se poden imaxinar é ata que punto o “gallego” é unha figura digna de admiración.

Para comprobar todo isto estaremos cos galegos mais velliños que viven na Habana, algúns recordan perfectamente o seu idioma, a súa terra e parece que nunca saíran de aquí.

O reflexo de Galicia en Cuba atopámolo nas aforas da Habana, na Sociedade de Monterroso e Antas de Ulla. Foi fundada hai anos por uns galegos e hoxe unha chea de nenos cubanos bailan muiñeiras e xotas, aprenden galego e descubriron neste centro unha alternativa de ocio. O Dez de Octubre é un barrio obreiro, pobre e con poucos recursos pero todos os que van alí –galegos e non galegos- quedan namorados deste centro. Como souberon aqueles galegos que o fundaron trasmitir o sentimento de xeración en xeración!

Tamén estaremos con Olga, unha encantadora galega que nos conta como lle foi a vida lonxe da súa Galicia e as numerosas adaptacións que tivo que sufrir. A música é outro elemento que se fusionou en Cuba dun xeito inconfundible e soan as gaitas, bombos e pandeiretas a ritmo de tumbao, de guaracha e de ritmos caribeños.

O galego en Cuba é sinónimo de traballador, de esforzo, de honradez. Con tenacidade estudiou e acadou bos resultados, chegando a ter o seu propio negocio e vivindo dignamente aínda que a maioría non conseguira o sono americano.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: