CRTVG

Buscar

A casa da Conexa

Mucha e Nucha con Carlos Blanco

22/05/2014 22:45 h

Este xoves continúa o humor e entretemento na Televisión de Galicia cunha nova entrega do programa “A Casa da Conexa”. Mucha e Nucha volverán estar con todos os espectadores galegos para continuar amosándolles o seu particular modo de vida en Ardebullo e súas relacións cos seus veciños.

No programa de hoxe de “A Casa da Conexa” o amor estará no aire. Sobrevoará pola vila e polas vidas de Mucha e Nucha un “Cupido ao estilo Ardebullo”, que será interpretado por un dos actores galegos máis queridos pola audiencia, Carlos Blanco. O actor e monloguista chamará á porta da casa de Mucha e Nucha para deixar unha boa mostra do seu humor, do seu traballo como monologuista e, como non, para gozar con estas dúas peculiares irmás e con todos os espectadores da TVG. 

Por outro lado, Mucha e Nucha continuarán ofrecendo as súas paroladas, en que habitualmente contan as súas vivenzas máis particulares, ou, coma neste caso, as dos seus veciños e coñecidos máis directos. A desta noite levará por título “A vida en parella”. Mucha e Nucha non falarán da súa relación como irmás, senón que contarán algúns dos segredos mellor gardados doutras parellas de Ardebullo, como a de Pepe de Rumbo ou a de Mateo e Maruca 

O amor e as citas a cegas serán tamén o fío condutor da sitcom do programa desta noite. Por un lado, o Carrizo (Manolo Cortés) vai sentir un frechazo por Uxía (Tamara Canosa), todo grazas a Cupido (Carlos Blanco), que se perdeu por Ardebullo. Ao final, cando andan polo medio Mucha e Nucha nin amor, nin nada. Por outra banda, os espectadores tamén poderán escachar coa risa grazas a unha cita a cegas que porá nerviosas a Nucha, Uxía e ao Carrizo, cada un deles con motivos ben distintos para acudir á misteriosa cita con “Celestino 114”. 

Ademais, “A Casa da Conexa” ofrecerá esta semana novas entregas de “Bricorreciclaxe”, onde Cholo e Barbeiro intentarán facer un televisor de plasma con materiais ben sinxelos e ao alcance de todos; de “Os Roncha”, que analizarán a serie “Padre Casares”, e da sección de “Culturízate”, onde Mucha e Nucha falarán das pirámides de Exipto, unha das sete maravillas do mundo. 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: