CRTVG

Buscar

Luar

Luar. Con Rosa López, o dúo Alazán e Miguel Kocina

23/01/2015 22:00 h

Como cada venres, os espectadores da TVG teñen esta noite unha nova cita co programa “Luar”, que ofrecerá desta volta a actuación de Rosa López, unha cantante excepcional que, coa súa espectacular voz e a súa simpatía, soubo gañarse todo tipo de público. Sete álbumes no mercado, máis dun millón de discos vendidos, sete discos de platino e catro de ouro avalan a carreira da artista granadina.

Tamén subirá hoxe ao escenario de “Luar” o dúo Alazán, formado por Encarna e Aroa, pertencentes á saga da familia Salazar, da que forman parte tamén Los Chunguitos e Ázucar Moreno.

Outro dos artistas convidados desta noite será o asturiano Miguel Kocina, que se deu a coñecer ao gran público nun sonado concurso de talentos musicais e que lles presentará aos espectadores galegos o seu primeiro disco, “Mi alma entre cristales”, onde amosa as súas influencias do swing, o jazz e o pop.

A Banda de Música de Sarria e grupo de pandeireteiros e cantareiros Pandeiromus completan o cartel musical dun “Luar” que contará tamén coa presenza das tres primeiras clasificadas do programa “Pequenos Fenómenos”, o concurso de cantantes infantís que a Televisión de Galicia puxo en marcha durante o Nadal. María Calvo, Rebeca Valdés e Uxía González aproveitarán o seu paso polo espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro para facer entrega dos premios que conseguiron no concurso e que destinaron a distintas ONGs e institucións benéficas.

Por outro lado, a edición desta semana de “Recantos”, en que actuarán Ángel Kalvi, de Terras de Ordes; e Elma, da comarca da Barbanza, presenta novidades, xa que hoxe serán eliminados dous dos participantes, quedando así 16 concursantes en liza polo primeiro posto. En canto ao “Vai de Gaita” infantil, hoxe demostrarán o seu bo facer co instrumento galego por excelencia Iago Bouzada e Daniel Castiñeiras.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: