Desexos cumpridos
Con David Amor e Fernando Vázquez
Coñecemos o caso de Yéssica, unha rapaza de 18 anos que leva desde os seis loitando contra unha enfermidade á que ningún médico consegue poñerlle nome nin atoparlle diagnose. Por mor da enfermidade está nunha cadeira de rodas, pero a súa familia segue loitando para conseguir un tratamento axeitado. Yéssica vai ser sorprendida por un dos seus ídolos televisivos, o actor e humorista David Amor.
Por outro lado, algúns dos máis futboleiros van ver cumpridos os seus soños de facerlle unha homenaxe ao equipo dos seus amores, o Deportivo da Coruña, cun convidado de excepción: o seu adestrador Fernando Vázquez. O estudio de gravación de “Desexos Cumpridos” encherase coas peñas deportivistas, que cantarán o himno do Depor.
Hai novas que poden cambiarlle a vida a unha persoa. Unhas veces é para ben e outras, non. Vanesa tivo que escoitar con 26 anos que tiña cancro. Cinco anos despois, e xa recuperada, segue loitando contra a enfermidade axudándolles aos demais a través do seu blog “La terapia del canguro”.
O programa ofrecerá hoxe outras historias de solidariedade que chegarán ao corazón, como é o caso dos Pérez, unha familia traballadora que ademais comparte os xenes de artistas enriba dos escenarios. Pero, sen dúbida, o que mellor os define é o seu carácter solidario. Sen coñecelo de nada, prestáronlle a súa axuda a Amadeo, un mozo de 18 anos sen fogar nin apoio que acabou formando parte da súa propia familia.