CRTVG

Buscar

Come a comarca

As batallas 7: O Salnés vs. O Morrazo

27/01/2021 23:15 h

Come A Comarca As Batallas mergúllase gastronómicamente nas Rías Baixas para atopar as mellores cociñeiras e cociñeiros do Salnés e do Morrazo. Ámbalas dúas comarcas forman parte das 16 que cada semana enfróntanse nas cociñas do programa para facerse co premio final. Ademais do orgullo de ser o equipo e a zona que mellor cociña do país, están en xogo 20.000 euros en premios. 5.000 levaraos quen chegue ata o final e 15.000 irán ao peto dos gañadores. Esta semana o presentador do espazo, Fran Cañotas, terá que esforzarse para dar cos concursantes que mellor representen o facer culinario destes territorios comarcais. Así, no Salnés, coñecerá o marisqueo a pé na Confraría de O Grove e verá de preto a cría de mexillóns nas bateas de Mariscos Laureano, na ría de Arousa. O Morrazo non queda atrás nin en peixe nin en marisco, e unha boa mostra de todo o que ofrece o Atlántico poderase ver na Lonxa de Cangas. E como non todo o que se come sae do mar, e a cabra dise que tira ao monte, cataremos os queixos de A Meixoeira. Precisamente feitos con leite de cabra e que atesoran premios internacionais. Rematada a tarefa do recrutamento, será o momento de encender o lume na meirande competición gastronómica da Televisión Galicia. Os equipos de O Salnés e O Morrazo medirán as súas forzas nas cociñas de Come A Comarca. As Batallas cun único obxectivo: rematar a tempo o menú proposto polos xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. Non faltarán os atrancos que compliquen as receitas e inesperadas visitas incómodas que porán a proba os nervios da audiencia. Un emocionante enfrontamente que gañará aquel que conquiste nunha cata a cegas ao xurado. 15 expertos culinarios probarán as elaboracións e o mellor sabor imporase. Quen pasará á seguinte fase e loitará despois por ser a mellor comarca da provincia de Pontevedra fronte á xa clasificada do Baixo Miño? O Salnés estará capitaneado por David Pérez, do restaurante D’Berto, en O Grove; e contará con Álvaro Fuentes e Sandra Gómez da Taberna Meloxeira, da mesma localidade. Sabino Montes, do Restaurante Sabino de Sanxenxo e o seu axudante Pablo Casas, completan a formación. Pola súa banda, O Morrazo estará liderado por Guti Soliño, de Pandemillo Taberna; Juan Souto, cociñeiro en La Curva de Nerga; Rubén Fernández, de Heladería La Fiorentina e Sandra Fernández, do Restaurante Chinchorro, todos eles en Cangas. Gloria Gera, do Aturuxo Bar de Bueu, é a quinta e última integrante.

Atopar capítulo por: