CRTVG

Buscar

Come a comarca

Terra de Trives

09/06/2020 22:30 h

Neste quinto programa o equipo de cociñeiros de Come a Comarca visita a comarca da Terra de Trives para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o menú máis tradicional da comarca, composto por: empanada de polo feita con fariña de castaña, guiso de tenreira e bica de Trives.

Anxo Trives, do Hostal La Viuda, será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía da Terra de Trives. Estes irán xunto a cooperativa Amarelante, en Manzaneda, a apañar castañas e ver como pasan do seu estado natural a esta prezada fariña. Con ela viaxarán ata San Xoán de Río, onde Carmen lles ensinará a traballala en empanada. En Chandrexa de Queixa visitarán a gandería Galupa, onde aprenderán todo sobre as carnes da tenreira: dende a súa crianza ata os mellores trucos para cociñala. E por último Pilar, veciña de Trives, ensinaralles a facer a sobremesa por excelencia da comarca: a bica.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, no Polideportivo Municipal de Trives, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Luisa Villarino e Maribel Vázquez da Cantina do Catro (Trives), Isabel Prada e Eliana Murias de Casa do Agenor (Trives) e José García da panadería Terras de Trives (Trives). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida que equipo Come a Comarca da Terra de Trives.

Atopar capítulo por: