CRTVG

Buscar

A casa da Conexa

Mucha e Nucha co actor Pepe Viyuela

15/05/2014 22:45 h

Esta noite acode ao programa “A Casa da Conexa” o actor e humorista Pepe Viyuela, un rostro moi coñecido polos espectadores. O actor vén disposto a visitar as irmás máis famosas de Galicia para pasar un bo momento e tamén para que a audiencia galega goce do seu talento e bo humor. Os que tamén estarán, e serán os encargados de poñer a música a todo o programa, serán os integrantes da Banda de Arca, unha das agrupacións en activo máis lonxevas de Galicia, que está conmemorando o seu 150 aniversario.

 As irmás Mucha e Nucha verán a oportunidade de converter a súa casa nun albergue de peregrinos. Para tal fin só teñen que solicitar unhas axudas, que serán concedidas tan pronto como pasen a avaliación dun inspector. Pero á porta de “A Casa da Conexa” non chamará o inspector que elas pensan, senón o actor Pepe Viyuela, que está interesado na casa, non sen antes ver se todo está no seu sitio e tal e como el quere.

 Por outro lado, as novas tecnoloxías serán hoxe protagonistas no espazo da TVG. Mucha e Nucha intentarán explicarlle ao público galego a importancia so seu uso. O que pasa é que para Mucha os avances tecnolóxicos son ben distintos que para Nucha.

 Ademais, ao longo da noite o humor continuará da man doutros personaxes e sketchs como “A cociñar con Xosé Ramón”, que preparará unha pescada en salsa verde; o Xabarín Club tampouco se librará da crítica televisiva que fará Paco, do matrimonio “Os Roncha”; e, no “Consultorio de Mucha e Nucha”, as irmás atenderán a chamada dunha seguidora para pedirlles consellos sobre por que o neno non lle come.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: