CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Celanova

27/02/2016 16:30 h

O equipo do programa “Aquí Galicia” colle este sábado cara a terras ourensás para visitar a vila de Celanova, coñecida polo seu alto valor patrimonial, histórico, literario e natural e por ser o lugar de orixe de autores tan destacados das nosas letras como Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. De turismo por Celanova, os espectadores terán ocasión de coñecer o mosteiro de San Rosendo, eixe vertebrador da vila comercial e social da comarca e centro de educación e cultura, a capela de San Miguel, a Torre das Campás e a casa natal de Curros e Celso Emilio. O Camiño de San Rosendo, a Rota do Leboreiro, Castromao e Casasoá serán outros dos lugares que esta tarde visitará “Aquí Galicia”, que tampouco deixará pasar a ocasión de achegarse a Vilanova dos Infantes e coñecer a súa torre, a súa praza e o santuario da Virxe do Cristal.
Ademais, o espazo presentado por Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña tamén estará presente nun interesante evento que ten lugar esta fin de semana na localidade ourensá: a I Feira das Larpeiradas. O claustro barroco do mosteiro de San Salvador acolle estes días unha vintena de expositores de cervexa artesá, repostaría e artesanía.
Polo set do programa tamén pasarán representantes das comisións que organizan as dúas festas máis grandes que se organizan en Celanova: as Festas da Ramallosa e romaría etnográfica Raigame, que ten lugar cada ano en Vilanova dos Infantes coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
Na sección gastronómica, as protagonistas serán a micoloxía, con marmelada e licor de cogomelos; a pastelaría, con degustación da bica de Trisquel, torta trenzada de marmelo e queixo e xadrez en chocolate, e a apicultura. A sección contará tamén coa participación de Iván Gómez, cociñeiro que participou no programa da TVG “Desafío nos Fogóns”.

Atopar capítulo por: