Casamos! A historia de amor de...Kathy e Juan
Para o entretemento de toda a familia, a TVG vístese de gala para presentarnos as vodas máis románticas e divertidas, hoxe cunha nova historia de amor da que son protagonista Kathy e Juan, ligados polo motor e polo mundo da moda.
A historia de amor dos que van casar hoxe, Kathy e Juan, viaxa case sempre sobre dúas rodas, debido á paixón deles polo mundo do motor, sobre todo do inquedo Juan, que con pouco máis de vinte anos acumula decenas de vitorias en competicións de motos e xa dirixe o seu propio negocio. Ela, de Ferrol, ségueo con frecuencia e comparte a súa paixón, pero o que en realidade a motiva é o mundo da moda e das tendencias.
A punto de casar, os noivos teñen un pequeno problema, porque a Kathy lle gustaría que Juan fose algo máis cariñoso con ela, por iso vai argallar unha sorpresa para Juan que lle vai poñer o corazón a mil por hora, aínda que isto non vai ser nada comparado coa que levarán os convidados cando vexan que o banquete de voda pode cancelarse minutos antes de empezar..
Da man de parellas de noivos, que esperan celebrar o seu enlace en Galicia, semana tras semana descubriremos historias de amor peculiares e únicas que nos achegan as circunstancias máis variadas que envolven cada noivado: as declaracións de amor máis románticas; os nervios dos preparativos nupciais, as opinións e desexos de amigos e familiares e as expectativas, preocupacións, conflitos e ilusións da parella protagonista respecto ao gran día das súas vidas.
O programa, unha aposta por rescatar e facer visibles historias reais de superación, destaca o triunfo do amor por riba das dificultades, tamén en tempos de crise, e pretende ser un retrato coral do universo dos casamentos en Galicia, potenciando os factores sentimentais.
