Criaturas
Cap. 78: Parto con risco
Un "Criaturas" con moito tesón e empeño afronta varios cometidos que requiren o esforzo de todo o equipo, para empezar polo seu presentador, Alejandro Macías, que se poñerá na pel de asistente de parto para axudar a unha vaca que pasa por certas dificultades. Outro punto de atención do programa estará na Ribeira Sacra, onde están a vendimar, para comprobar se o burro Requichado ten suficientes folgos para aturar unha xornada de duro traballo.
Outra historia que reflicte as relacións dos humanos co reino animal levará ata a cadeliña "Ela", que debe axudar a Paula, unha rapaciña con parálise cerebral que debe recibir unha estimulación axeitada se queren que mellore a súa calidade de vida. Dende outra sección, o nadador paraolímpico Chano Rodríguez preséntanos o seu equipo canino particular, formado por Axel, Pancho e Lolo.