CRTVG

Buscar

Pazo de Familia

Capítulo 6

05/01/2015 22:15 h

No desapiadado mundo dos negocios non só vale todo, senón que cómpre ter dúas caras para contar con opcións de sobrevivir. Trátase dun mundo salvaxe en que César non é xa o único depredador. Sofía sabe que el foi o responsable, pero ten a suficiente experiencia para saber administrar esa información e utilizala ao seu favor. Entre a hipocrisía, hai persoas que sofren, como Mónica. Se cadra, un peón nun xogo que non é quen de controlar. Cada vez máis desesperada por non poder volver ao traballo, é capaz de calquera cousa por recuperalo.

Máis nobres son as intencións de Sara de que as mulleres da alta sociedade amigas de dona Leonor, en vez de esmola, lles dean traballo aos pobres da rúa. Leonor pídelle que a acompañe a unha das reunións de caridade para expor a súa idea, pero os problemas non virán só da parte das mulleres ricas. Rita está que bota fume porque Sara apenas acaba de chegar e xa se sente por riba dela. Ata Marisiña, con moita mellor intención, queda toda contenta cando chega un reprodutor VHS coas instrucións en alemán e a nomean “encargada do vídeo”.

O Universal está que ferve e non se trata da temperatura das rotativas precisamente. As secretarias están en pé de guerra polos seus dereitos, inferiores aos dos redactores, que, na súa inmensa maioría, son homes. Emilio verase na dúbida de se ceder a unha demanda que no fondo considera xusta ou amosarse firme para obter o respecto que merece. Claudia e Daniel, que continúan apartados da investigación, tamén se ven nun dilema: o de desobedecer ou non as ordes directas do seu xefe cando o seu instinto de xornalistas se activa por unha posible bomba informativa. 

Atopar capítulo por: