CRTVG

Buscar

O explorador

Programa 3: O derradeiro pirata

08/05/2014

A Televisión de Galicia ofrece unha nova edición de “O Explorador”, unha serie documental de entretemento, en que un aventureiro moi ameno -con boina, zurrón e iPad- séguelles a pista de episodios singulares da nosa historia para botar luz sobre eles.

No capítulo desta noite, “O Explorador” mergullarase nunha aventura mariñeira: descubrir onde está o fabuloso tesouro do pirata Benito Soto. A comezos do século XIX, un rapaz de Pontevedra, Benito Soto Aboal converteuse no terror dos mares. El foi o último pirata do Atlántico. Na súa vida criminal, abordaría dez barcos e mataría case un cento de tripulantes. Fíxose inmensamente rico, pero a sorte mudou e foi preso en Xibraltar e axustizado na forca. Soto pasou ao territorio da lenda co seu barco, que algúns chaman “A Burla Negra”. Pero onde ocultou o seu tesouro?

“O Explorador” comezará as pescudas nunha vella taberna de mariñeiros, o inicio dun percorrido que o levará ao camarote dun mariño, á casa onde naceu o pirata, ás lendas da badía de Cádiz, onde embarrancou, e aos berros da praza de Casamates Square, onde finou na forca.

Na súa investigación, o espazo da TVG descubrirá o comercio negreiro de Galicia, as grandes fortunas galegas que xurdiron do tráfico de escravos e as orixes do pirata, condenado á delincuencia desde cativo. O programa rematará co misterio dun fabuloso tesouro: os tres cofres cheos de ouro, prata e pedras preciosas que o filibusteiro deixou no vello barrio da Moureira. Será “O Explorador” quen de atopalo?

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: