CRTVG

Buscar

Viradeira

Capítulo 19

20/03/2018 22:45 h

Unha especie de terremoto sacudía Dorneda na entrega da semana pasada de “Viradeira”. Todas as parellas da serie vían como as súas relacións se cambaleaban violentamente e, aínda que ao final só acabou lesionado o traidor de Chino, o capítulo terminaba con tres separacións e un compromiso de voda.
Maca rompeu co Chino ao descubrir que fora o amante de Patri. Alfredo abandonou a súa casa e partiu cara ao Gran Sol, ao descubrir a historia de Chino coa súa muller. O Americano deixou plantada e sen tesouro a aparentemente desapegada Lupe; e os únicos que chegaron a bo porto foron Héctor e Carmela que, tras unha fonda crise e unha breve ruptura, optaron por dar o paso do compromiso matrimonial. Así pois, soan campás de voda en Dorneda.
Aínda que non todo son boas noticias para Héctor esta semana. A Fundación Lagares non está moi contenta co seu traballo. Para o tempo que levan en Dorneda el e a súa compañeira, os avances non foron significativos e os últimos acontecementos co Americano non fixeron outra cousa que empeorar a situación. O espoliador de tesouros podería sacar xa á venda algúns dos valiosos obxectos extraídos do Serenity.
Héctor non tardará moito en interpor unha denuncia, contra el e contra todos os que lle axudaron na extracción do tesouro do fondo do mar: Encarna, Chino, Muxo e Manel. Por suposto, a noticia non caerá nada ben entre os veciños de Dorneda. Pero a resposta de Encarna chegará rápido e será, como todo o que fai a armadora, calculada e retorta.
Mentres tanto, todo apunta a que Perico descubriu a súa paixón polas redes sociais. O camareiro de Casa Carmela lanzouse á produción audiovisual e abriu a súa propia canle para a difusión de vídeos de cociña. Unha grande idea se non fose porque non ten noción algunha de artes culinarias. Para Toño trátase dunha auténtica catástrofe, que podería afectar ao bo nome do seu establecemento. Carmela achegará a solución: E se Toño e Perico traballasen xuntos nos vídeos?  E en Dorneda, como a murmuración é o deporte máis practicado, a noticia da fuxida de Alfredo ao Gran Sol correu como a pólvora. Todo o mundo presume de saber ata o último detalle da telenovela: que Patri lle puxo os cornos e que Alfredo o descubriu. Pero o que non saben é que o outro protagonista desta historia é o Chino, o mellor amigo de Alfredo. Que pasaría se o chegasen a descubrir?

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: