CRTVG

Buscar

O explorador

Programa 1: Xulio Verne, tres homes e un destino

25/04/2014

A Televisión de Galicia estrea “O Explorador”, unha serie documental de entretemento, en que un aventureiro moi ameno -con boina, zurrón e iPad- séguelles a pista de episodios singulares da nosa historia para botar luz sobre eles. Esta serie da produtora coruñesa Vudú Films para a canle autonómica, que consta de oito capítulos de 50 minutos de duración, está dirixida, guionizada e realizada por Ricardo Llovo e Joaquín Pedrido.

O actor Sergio Zearreta (“Heicho cantar queridiña”) encarna a “O Explorador”, un divertido e intrépido “historiador de a pé”. No seu percorrido, indaga sobre feitos históricos de diferentes épocas, dos que case todos temos un coñecemento xenérico, pero que, a pouco que se fixe a mirada, seguen a albergar zonas de sombra, espazos escuros ou recunchos curiosos nos que aínda ninguén mirou. 

“O Explorador” é unha persoa corrente, inxenua pero intelixente. Alguén dotado de sentido común, pero empeñado nunha misión especial: corrixir erros históricos ou desterrar lugares comúns da nosa historia. Sempre disposto a saír na procura dun dato ou feito descoñecidos sobre o asunto que está a investigar, no seu percorrido busca axuda en persoas correntes, da rúa, xeralmente relacionadas cos feitos e moi ben informadas.

Na súa primeira saída, “O Explorador” ten unha misión moi especial: indagar e achegar datos inéditos sobre a relación do afamado escritor francés Xulio Verne e a cidade de Vigo, unha atracción en que o submarino que el soñara nos seus libros xoga un papel fundamental.Verne deulle a Vigo sona mundial ao situar na ría unha das aventuras do capitán Nemo, quen se abastece dos pecios do tesouro de Rande para financiar as súas viaxes a bordo do Nautilus de “20.000 leguas de viaxe submarina”.

Verne visitou Vigo en dúas ocasións: a primeira en 1878 e a segunda en 1884. Na segunda sábese que coñeceu ao industrial Antonio Sanjurjo Badía, que andaba rumiando un proxecto de navegación submarina.

A “O Explorador” xurdiranlle unha chea de preguntas: que facía un submarino imaxinario sucando a ría de Vigo 20 anos antes de que Isaac Peral inventase o artefacto? Por que elixiu Vigo? Que coñecementos tiña Xulio Verne da cidade? Cal foi a verdadeira relación con Sanjurjo Badía? Quedou abraiado o escritor pola ousadía do industrial vigués ou máis ben influíu Verne no seu futuro invento, a boia submarina, que recibiu o bautismo de mar en 1898? Desde cando coñecía Verne as investigacións que Badía e Peral levaban a cabo para facer realidade a navegación subacuática? Coñeceu Verne a Peral? Intercambiaron entre os tres coñecementos científicos sobre aquela paixón compartida?

Así pois, o primeiro capítulo desta nova aposta divulgativa da TVG indaga nunha tríada de xenios abandeirados da innovación científica, conectados polo seu fervor pola navegación submarina, que poderían ter atopado en Vigo un inesperado eixo de conexión dos seus espíritos vangardistas.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: