CRTVG

Buscar

Historias de Galicia

Capítulo 1: Onde o mundo se chama Galicia

25/02/2007 21:15 h

Quen podería renunciar a entenderse a si mesmo e a escribir a súa historia? O director da nova serie documental Historias de Galicia, Xosé Manuel Vega, entendeu que si é posible e puxo en marcha esta produción que hoxe estrea a TVG, dirixida a todos os públicos, que ten por obxecto divulgar os feitos que configuraron ao longo dos séculos a realidade material, económica, política, social e cultural do país. "Fíxose unha selección daquelas constantes que sempre determinan e expresan a historia de calquera pobo", di Vega.

Historias de Galicia está feita como unha serie de carácter xornalístico, e nela intentarase responder ás preguntas que se teñen presente na análise de calquera realidade: que aconteceu, quen foron os protagonistas dos feitos, cando sucederon, onde, como e por que. A serie terá unha guía para darlle continuidade e axilidade á narración, dotándoa dun ton próximo e divulgativo.

Todos os temas tocados na serie documental son realidades que lles seguen a afectar aos intereses xerais do país e á vida dos galegos, polo que interesa coñecer o pasado usando un método expositivo que permita relacionar os feitos pretéritos coa actualidade.

Este primeiro capítulo de Historias de Galicia relata como os galegos foron habitando o territorio desde o castro á cidade moderna. Pero si algunha forma de asentamento é a nosa propia, esta é a aldea. As aldeas desaparecen hoxe a pasos axigantados e con elas van desaparecer formas seculares de entender a vida, un patrimonio etnográfico, paisaxístico e cultural que levou séculos crear.


Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: