CRTVG

Buscar

Especial musical

Cantando polo Nadal

29/12/2014 23:30 h

O Nadal é época de encontros familiares, excesos gastronómicos, agasallos e bos desexos, pero tamén de cantos e música. Para reflectir as tradicións musicais que hai por toda Galicia e que xiran arredor destas festas de Nadal, Aninovo e Reis, a TVG ofrece hoxe o programa especial “Cantando polo Nadal”, presentado por Lucía Rodríguez.

Estas expresións artísticas son levadas a cabo por xente anónima, non por formacións musicais profesionais. Son veciños das propias vilas os que se xuntan neste época do ano para dar vida a unhas tradicións artísticas únicas no mundo. Pero “Cantando polo Nadal” contará tamén con algunhas das mellores formacións de coros tradicionais de Galicia, que interpretarán as cancións máis coñecidas do repertorio tradicional galego. No programa abrangueranse todas estas tradicións, desde a máis urbana e actual ata a máis ancestral que se vén conservando e transmitindo, século tras século, nas parroquias galegas.

Así, os espectadores coñecerán as rondallas de Nadal, formacións características do sur de Galicia que aglutinan case un cento de membros e que son omnipresentes nas rúas de Vigo e concellos limítrofes ao longo de toda esta época de Nadal. Estas formacións musicais teñen como particularidade o seu xeito de desfilar, case marcial, guiados todos polas bandeiras que van marcando o paso. 

“Cantando polo Nadal” tamén se achegará ao concello ourensán de Carballeda de Avia, onde os seus veciños, inmunes ao frío e ás inclemencias meteorolóxicas propias desta estación do ano, se aprestan, acompañados dos seus instrumentos, a percorrer todas as parroquias do concello interpretando os seus cantares de San Manuel; e á localidade costeira de Malpica, onde se conservan os cantos de Nadal máis representativos de toda a Costa da Morte.

Se hai unhas formacións musicais características da parte raiana de Galicia, eses son os Ranchos de Reis. Son varios os concellos, entre eles Ponteareas, onde se reúnen este grupo de veciños que, ataviados cuns traxes brancos adornados con fitas de moitas cores, van cantando, tocando e bailando polas casas, o que compón sen dúbida unha das estampas máis singulares do Nadal galego.

A música do Nadal tamén se fai presente nas cidades, onde nos últimos anos xurdiron coros de rapaces novos que van cantando nestes días de Nadal e que mesturan a tradición máis auténtica cos ritmos máis actuais. É o caso da Coruña, que durante e a semana de Nadal e de Aninovo revive os cantos de Reis polas súas rúas máis céntricas. E tamén de Santiago, onde ten a súa base o Coro da Ra, unha das formacións máis innovadoras no que atinxe ao mundo dos coros e corais en Galicia, que, ademais de abranguer estilos como o jazz, o soul e pop, conta cun repertorio de panxoliñas do máis variado.

Como contrapunto a estas actividades espontáneas e anónimas dos galegos, “Cantando polo Nadal” ofrecerá tamén varias actuacións, desde diversos espazos naturais da comunidade, de grupos xa consagrados da música en Galicia e mesmo fóra dela, como son os coros tradicionais Abertal e Cantares do Brión, o Coro Cantigas e Agarimos, o Real Coro Toxos e Froles e a formación americana Mississippi Mass Choir.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: