CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Camariñas

08/04/2017 16:15 h

“Aquí Galicia” visita Camariñas para seguir os últimos preparativos de cara á Mostra do Encaixe que se celebrará na vila das palilleiras en Semana Santa. Os reporteiros e reporteiras do programa achéganse á Escola Municipal de Palillo, onde nenas desde os cinco anos aprenden esta arte que deu renome mundial a Camariñas. A testemuña das palilleiras de toda a vida e unha serie de fotografías serven para repasar a orixe e historia desta tradición. 

Para coñecer mellor a vila de Camariñas, o programa ofrece reportaxes en que se destaca o patrimonio natural da contorna coa duna de Monte Branco, as praias de Arealonga, A Pedrosa e Armela, ou as esculturas pétreas froito do tempo e  a influencia da auga e o vento  tales como a pedra do Oso, os Namorados da Enseada de Arneliña, O Belén da Pedrosa ou o Gardián con Boina. Tamén fai un percorrido pola Costa da Morte ao longo da Ruta dos Faros ou a visita ao Cemiterio dos Ingleses ou a capela do Carme, a patroa da vila.

As actividades económicas xiran en torno aos portos de Camariñas e Camelle.  Ademais do marisco e do polbo,  de moita sona, outro froito do mar son as algas, ingrediente estrela no apartado gastronómico. A música poñena as Cantareiras Mar Devalado e a Orquestra Los Satélites. Tamén actúan os grupos de baile tradicional Trubisquiña e Airiños de Río Grande, e os alumnos da Escola Municipal de Baile de Camariñas.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: