CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

Buscar novos rumbos

07/01/2018 15:40 h

Desde sempre os mariñeiros galegos tiveron espírito aventureiro. Con anterioridade, pesqueiros do norte de Galicia xa se aventuraban a pescar na costa que vai máis alá de Ribadeo ata o golfo de Biscaia. Pero foi en 1992 cando os mariñeiros de Portosín e Porto do Son decidiron ir tamén aos caladoiros do Cantábrico. Os barcos non estaban preparados, pero si os homes.

O patrón e armador do cerco Pacucho Vidal foi o primeiro en tomar a decisión, secundado por Manuel Vázquez, que axiña viu unha boa oportunidade pesqueira. Sen pensalo, ambos os dous puxeron rumbo ao Cantábrico. O patrón maior de Santoña Marcelino Valle conta como nun principio os armadores cántabros e vascos eran remisos a admitir a frota galega. A día de hoxe, a harmonía entre as catro frotas que pescan nos caladoiros do Cantábrico, galegos, asturianos, cántabros e vascos, é total e considéranse unha única frota.

Foi tamén unha aventura para as familias que quedaron aquí, como explica Carmela García, a muller de Manuel Vázquez, que conta o que significou que os homes que viñan a diario á casa agora tivesen que pasar moitos días fóra, nun mar descoñecido para eles e nunha época en que as comunicacións eran moi distintas ás actuais.

O patrón Jorge Rodríguez explica como foi determinante ter que adaptarse ás circunstancias dun mar novo.

Finalmente, o presentador de “Pescadores de Historias”, X.H. Rivadulla Corcón, degusta cos protagonistas desta historia unha xarda ao forno preparada polo cociñeiro e mariñeiro Manuel Queiruga no seu restaurante, O Tisón.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: