CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Bristol

16/12/2013 22:30 h

O programa “Galegos no Mundo” encamiñará esta semana os seus pasos cara ao suroeste de Inglaterra, onde visitará Bristol, cidade coñecida pola súa industria musical e cinematográfica, polos seus puntos verdes e por ser finalista para ser nomeada Capital Europea da Cultura en 2008. O seu porto, onde desemboca o río Avón, é desde o século XII un dos máis importantes centros de comercio entre Inglaterra e Irlanda.

O espazo da TVG atoparase en Bristol con Sonia Varela, que convidará os espectadores ao típico almorzo inglés, a unha tenda de comestibles españois e a pasear entre os graffitis de Bansky; e con Christian Vázquez, un peixeiro coruñés que amosará a cociña do popular fish & chips onde traballa.

Da man de Laura López, unha viguesa que traballa en Bristol como asistente de terapeuta, os espectadores descubrirán a zona vella da cidade e a sidra típica da zona; mentres que Santiago Rodríguez, que leva 11 anos dando clases na Universidade de Bristol, fará de guía polo barrio de Clifton, onde destacan o edificio Wills Memorial, as Victoria Rooms e a icónica ponte en suspensión.

Ademais, “Galegos no Mundo” coñecerá hoxe a lucense Ana Regueiro, que chegou a Bristol hai 9 anos para facer un curso de 6 semanas, pero namorou da cidade e dun inglés e montou a súa propia empresa de traballo temporal; e a Manuel Álvarez, que traballa como odontólogo para a seguridade social inglesa. Con el, o programa fará dúas excursións: a Bath, unha histórica e fermosa cidade Patrimonio da Humanidade, e a Portishead, a coñecida cidade costeira que lle deu nome ao grupo de trip hop.

 

Atopar capítulo por: