CRTVG

Buscar

Galegos no mundo

Programa 84: "Birmingham"

04/11/2014 23:30 h

Birmingham, a segunda cidade máis importante do Reino Unido, é esta semana o destino do espazo “Galegos no Mundo”. Importante centro financeiro e coñecida polos seus canais, que suman máis quilómetros que ningunha cidade europea, incluída Venecia, Birmingham vén desenvolvendo unha gran transformación e modernización nos últimos anos.

O lugar que hoxe visita o programa da TVG é o que no seu momento escolleu para vivir Paloma Trigás. Esta viguesa, perfectamente adaptada á vida británica, conta co seu propio grupo de música, co que toca por toda Inglaterra. Con ela, os espectadores verán os seus ensaios e descubrirán a impresionante nova biblioteca de Birmingham.

“Galegos no Mundo” tamén estará con Almudena León, que foi para dúas semanas e xa leva alí 16 anos. Natural de Bande, en Ourense, amosará o Victoria Square, un hotel na campiña, e a Custard Factory, un gran centro artístico e de tendas alternativo. Pola súa parte, o compostelán David García, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Birmingham, que coñece os barros máis interesantes da cidade, acompañará o equipo do programa a Moseley e a Bournville, onde se atopa a famosa fábrica de chocolate de Cadbury.

Ademais, a arteixá Tatiana Regueira, que vive en Birmingham co seu mozo e que traballa de aparelladora, guiará os espectadores por Stratford-Upon-Evoun, lugar de nacemento de Shakespeare, unha vila que parece tirada dunha película; mentres que co vigués Ismael González, que traballa no mundo da automoción, o programa visitará Brindley Place, a zona dos canais, un dos lugares máis bonitos da cidade. 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: