CRTVG

Buscar

Eirado

Aurelia Balseiro / Carlos Cambeiro / Correa Corredoira / "Acústica"

16/06/2013

Pemón Bouzas entrevista á directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, para falar da exposición “O debuxo na arte galega contemporánea”. De Pérez Villaamil a Mampaso, pasando por Bello Piñeiro, Castelao ou Maruja Mallo, esta escolma ofrece unha variedade de artistas de diferentes estilos: románticos, modernistas, minimalistas, surrealistas ou abstractos.

Outro convidado é o arranxista e compositor Carlos Cambeiro, autor do libro “Manuel Quiroga Losada: o gran violinista do século XX”, co que pretende contribuír á recuperación e recoñecemento deste gran artista e devolverlle o lugar que, por dereito propio, lle corresponde dentro do panorama da música.

No tempo dedicado aos libros, o artista Correa Corredoira, que cambia o pincel pola pluma, presenta “Resina de poliéster”. Trátase dun libro de entrega á causa da vida, de dádiva á dignidade da especie humana e doutras especies.

Mon Santiso visita o obradoiro do fotógrafo e pintor Luís Gabú, cuxa traxectoria procede dunha forte vocación artística, unida ao desexo de investigar outras formas de vida, outras culturas que amosan orgullosas a diferenza nun mundo globalizado.

Ademais, o programa asiste aos ensaios da nova montaxe de Sarabela Teatro, “Rosalía: os cantares das musas”, baseada na obra “Cantares Gallegos”; e coñece o libro “Rosalía pequeniña”, que mestura poemas de Rosalía, ilustracións de María Seoane e a voz de Uxía. Unha achega á película “Somos gente honrada”, a ópera prima do director vigués Alejandro Marzoa, e a música do grupo Acústica completan as propostas de “Eirado”.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: