CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

As que saben da ausencia. Porto de Malpica

04/11/2018 15:45 h

'Pescadores de historias' está no porto de Malpica, a onde o mar trae a vida porque os mariñeiros saen a por ela. Mentres o mariñeiro está nesa pelexa, en terra pelexan as mulleres construíndo tamén unha parte esencial da vida e realizando un labor imprescindible, sen o cal os mariñeiros quedarían en terra. O espazo da TVG realiza unha homenaxe ás mulleres que aguantan do mar para que non se poña nunca demasiado bravo e a vida poida ir sempre transcorrendo.

As circunstancias son distintas para cada muller, aínda que a todas as une o sentimento de ausencia. Dese sentimento sabe ben Carmen Villanueva, que viu marchar o seu home polo mar de Malpica moitas veces e agora ao seu fillo. Adelaida Blanco, outra das protagonistas, é unha rapaza que viviu ese sentimento de ausencia a través da súa nai e da súa avoa, cando seu pai e seu avó, agora xa xubilados, estaban no mar.

O mar non foi xeneroso con Estrella Rodríguez, que tivo que superar a traxedia de que o seu home e o seu fillo morreran nun naufraxio. A sabedoría das mulleres do mar é tan fonda que ás veces son quen de desdramatizar o sentimento de ausencia. Quen así o fixo toda a súa vida é Gloria Vila, aínda que o seu home andou no mar ata os 80 anos.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: