CRTVG

Buscar

Vivir aquí

As defensas da terra

11/03/2017 15:45 h

“Vivir Aquí” emprende unha viaxe pola historia coa visita a cinco dos trinta e sete castelos que se conservan en Galicia. Un deles é o castelo de Monterrei, que comezou a construírse no século XII e que foi incorporando novas edificacións como a Torre das Damas, a Torre da Homenaxe ou o Hospital de Peregrinos ata converterse no maior complexo defensivo da comunidade.

Outra construción defensiva de referencia obrigada é o castelo de Santo Antón da Coruña, unha fortaleza construída á beira do mar no século XVI que foi tamén prisión e centro de corentena para os mariñeiros que chegaban á cidade con algunha enfermidade infecciosa.

O programa lévanos ao castelo de Castro Caldelas, en que se produciu un dos acontecementos máis relevantes da Revolta Irmandiña e que, despois de estar durante séculos nas mans dos duques de Alba, hoxe acolle un centro cultural en que programan actividades para toda a comarca.

De volta á provincia da Coruña, “Vivir Aquí” amósanos o castelo de Vimianzo, que tamén foi escenario das revoltas populares do século XV, e que a Deputación rehabilitou para visita e uso público. O último destino é o castelo de Pambre, en Palas de Rei, en que as obras de rehabilitación remataron hai apenas un ano.

 

Atopar capítulo por: