CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

Oira, A Cova e Maceira

18/08/2019 23:50 h

Novo programa de Aquí hai praia, desta vez unha edición especial: un programa adicado ás praias fluviais do interior de Galicia. Coñeceremos as praias ourensáns da Antena, fluvial de Oira e as Termas da Chavasqueira. Na provincia lucense, en plena Ribeira Sacra, visitaremos a Praia da Cova no concello do Saviñao e na comarca do Condado na ribeira do río Tea, a Praia de Maceira en Covelo. Comezamos na Praia da Cova, unha das praias máis recoñecidas neste ano nas redes sociais, situada no Concello do Saviñao, no corazón da Ribeira Sacra e a beiras do río Miño. A paisaxe é impresionante con excepcionais vistas do meandro Ou Cabo do Mundo, o máis espectacular de toda a conca do Miño. Cabe destacar que os praieiros afirman gozar das frescas e apracibles augas do río e das distintas actividades acuáticas que nel se poden realizar: kayak, pirauga, paddle surf e incluso, viaxes e percorridos en lancha-zodiak. O Río Tea é aproveitado desde a súa desembocadura ata case o seu nacemento para o goce das súas augas en moitos puntos do seu percorrido. Proba diso é a praia fluvial de Maceira en Covelo. Con praias como esta non é necesario desprazarse cara á costa para darse un refrescante mergullo ou ben pasar un día agradable nun lugar fermoso. Ademais ao redor dispón de multitude de zonas de descanso e mesas. A praia dispón ademais de servizos públicos, zonas de ocio e un amplo e equipado camping así como un parque infantil a uns douscentos metros. Se nos damos un mergullo e seguimos río arriba por baixo da ponte da estrada que vén de Maceira, poderemos admirar como o Tea penétrase nunha estreita garganta e forma espectaculares pozas e pequenas fervenzas. Río abaixo, a uns douscentos metros da fervenza artificial que forma o remanso da praia, poderemos achegarnos até o Muíño de Maceira. E por último, a cidade das Termas, a capital ourensá tamén é protagonista neste capítulo de Aquí hai praia. Coñecemos os diferentes entornos fluviais de Ourense: a praia da Antena, en pleno centro da cidade e baixo a Ponte Vella, é un pequeño remanso de paz e descanso no que habitualmente os ourensáns aproveitan para pasear, andar en bicicleta e descansar cunha boa lectura. Cunhas instalacións máis amplas, a Praia Fluvial de Oira conta ademais cun complexo de piscinas, pistas deportivas, locais de ocio e descubrimos que en Ourense tamén podes pisar area de praia, grazas ás instalacións do Clube Volei Praia Ourense. E por suposto, un dos lugares máis visitados da cidade, son as Termas da Chavasqueira, visitantes de todas as partes do mundo, aproveitan estas augas termais que adoitan estar a 40º para relaxarse e aproveitar o contraste térmico coas augas do Río Miño.

Atopar capítulo por: