CRTVG

Buscar

Eirado

Antón Lamazares

16/04/2011 00:04 h

O programa ten esta noite como convidado un dos grandes da pintura en Galicia, o artista lalinense Antón Lamazares, pintor da xeración dos 80 que ofrece no Museo de Pontevedra unha retrospectiva dos seus 30 anos de traxectoria. O obxectivo da exposición é amosar a influencia dun dos pintores galegos máis destacados dos últimos anos entre os artistas da súa xeración. Lamazares falará no espazo da tvG2 sobre a evolución da súa pintura nestas tres décadas, en que pasou dun inicial expresionismo lúdico ao informalismo e á abstracción, cunha deriva minimalista na súa última etapa.

No tempo dedicado aos libros, Pemón Bouzas conversará co escritor, académico e catedrático Xesús Alonso Montero, quen falará da biografía que realizou sobre Aníbal Otero. A obra supón unha homenaxe no seu centenario ao filólogo galego, quen en 1936 era o lingüista máis versado no galego vivo.

"Eirado" continuará hoxe coa serie de reportaxes dedicadas á Catedral de Santiago polo seu 800 aniversario. O programa volverá visitar o Museo catedralicio, onde se recollen as pegadas da historia do santuario que custodia a tumba do Apóstolo.

Por outro lado, o espazo da segunda canle da Galega entrevistará a Marcos López e Borja Guerreiro, de OQO Filmes, a sección audiovisual da editora pontevedresa OQO, autora das series de animación "Caracois" e "Os contos do Camiño", que a TVG emitirá proximamente. López e Guerreiro falarán de ambas as dúas propostas, dirixidas ao público infantil e realizadas coa técnica stop-motion, e adiantarán os vindeiros proxectos de OQO.

A sección dedicada á actualidade cinematográfica centrarase no filme danés "En un mundo mejor", gañador do Óscar á mellor película estranxeira, que amosa os efectos da violencia entre xeracións e nacións; mentres que a música será hoxe cousa do grupo vigués de rock independente Igloo, que volve co seu cuarto disco, o seu lanzamento máis persoal e enérxico.

Atopar capítulo por: