CRTVG

Buscar

Alalá

Emilio do Pando

09/05/2006 22:05 h

Presentámosvos a Emilio do Pando, todo un referente na música popular galega. Emilio é un virtuoso da gaita e un dos poucos músicos que domina a trompa galega, un instrumento de gran tradición na zona da Fonsagrada, onde sempre viviu.

Con el descubriremos os segredos da trompa e mesmo o escoitaremos tocar acompañado polo seu sobriño, Daniel, a quen considera o seu sucesor. Pero ademais coñeceremos as múltiples facetas deste home a quen músicos da talla de Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, consideran un mestre. Aínda así, Emilio non vivíu da música, a súa foi, e segue sendo, unha vida con moitos matices: foi xastre, vendeu electrodomésticos, percorreu boa parte da Fonsagrada sendo carteiro, dá clase de música e ata fixo algún papel para o cine. Pero este home, que é quen de sacarlle melodía ata á casca dun carolo, leva a música dentro desde neno.

Namorouse da gaita con pouco máis de dous anos cando lla viu tocar a un gaiteiro da zona pero, como Emilio era o máis pequeno dunha familia con dez fillos, tivo que conformarse cunha trompa. Xa cando era adulto, por fin mercou a súa primeira gaita e agora, ós seus 74 anos, segue aprendéndolle a rapaces, mozos e mozas que se achegan ata a Fonsagrada.

De todo isto falará neste programa no que tamén o veremos tocando a gaita cos “Amigos da gaita", que son, por suposto, os amigos de Emilio. 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: